1º Friulio Castrexo Romano

O sábado 25 de marzo, véspera da 25 edición da Feira do Queixo de Friol e Pan de Ousá, celebrarase o 1º Friulio en Friol, organizado pola Asociación de Recreación Histórica “A CASTRONELA”, e promovido por este Concello.

Será un encontro entre Asociacións Castrexas e Romanas vinculadas á recreación histórica, na que tamén colaboran as asociacións culturais que Friol ten por todo o municipio, como son “Carballo Vivo” da parroquia de Carballo, “Asociación de Condes”, “Asociación de Roimil” e “Xesta Verde”, ás cales o Concello de Friol agradece a implicación que están a ter con esta celebración.

Durante esta xornada trátase de recrear os modos de vida, costumes e crenzas de ámbalas dúas culturas. Aquí estarán presentes Asociacións principalmente de Lugo, pero tamén doutras terras foráneas, como é o caso da asociación celtíbera “Tierra Quemada” de Soria.

 

As actividades previstas para a xornada van dende a recreación da vida nun castro, ata a elaboración do pan que utilizaban as milicias romanas nos seus desprazamentos, elaboración de queixo de Friol, pasando por desfiles, talleres de coiro, barro, fiado, gastronomía castrexa… sendo os actos mais importantes o asedio do castro e o enterro celtíbero.

Todas estas actividades levaranse a cabo íntegramente na vila de Friol: na Praza de España, parte da Rúa Santa Isabel e mais no paseo Fluvial do Río Narla, onde se asentarán un campamento Romano chamado Cidadela e un poboado castrexo chamado Castro. Durante o día, por distintos puntos da vila escoitarase música tradicional a cargo de varios grupos Folk.

Dende as 9 da noite tamén se amenizará con música tradicional a cargo dos grupos Gaia Pandereteiras, Trécolas, Tango en Xaneiro e Albariza, para rematar a noite co grupo Claxxón, que se prevé que remate a súa actuación entorno as 4 da madrugada, poñendo fin por tanto a este 1º Friulio do Concello de Friol.