O pan, alimento básico do home, alcanza en Friol unha das súas máis logradas expresións: o pan de Ousá, un produto que consegue unha alta calidade gastronómica partindo da pureza da súa elaboración tradicional.

Os ingredientes deste tesouro gastronómico son os mesmos que se utilizan no resto do mundo para elaborar o pan: fariña de cereal, xeralmente trigo, fermento, sal e auga, pero o resultado obtido aquí nin é común nin se pode comparar coa maioría dos que atopamos cada mañá nos mercados.

Algo distinto dáse no proceso de produción deste pan, algunha sutileza no seu amasado, algunha particularidade especial nos seus ingredientes, ou talvez na elaboración dos fermentos…

Os panadeiros de Ousá alcanzaron a excelencia na elaboración dun produto cotián, dotárono dunha aparencia, dun sabor, un aroma e unha textura únicos, á altura dos mellores pans galegos.

En Friol o pan sempre se elaborou nas casas como alimento diario básico das familias. A recolección do trigo, do centeo ou do millo, que de todos eles se obteñen pans de exquisito sabor, o seu almacenamento e moenda para a obtención da fariña e o amasado e forneado final, constitúen un proceso ben coñecido nos fogares tradicionais.

O Pan de Ousá é o resultado dunha longa tradición na elaboración do pan galego, caracterizado polo seu formato de fogaza algo alongada, cun corte transversal pronunciado, unha codia fina e unha miga fragrante, compacta e suave.

O fundamento da elaboración do pan é o fermento, composto que se obtén tradicionalmente do repouso durante uns días dunha mestura de fariña e auga, nun proceso durante o que se xera de forma natural esa sustancia viva, primordial, que ao ser engadida posteriomente á nova mestura de fariña e auga dará lugar á súa fermentación, liberando e descompondo os diversos substratos orgánicos que contén e producindo o levado da masa. Este é o fundamento.

Dos detalles depende que o resultado sexa un pan ou outro, e tamén dos ingredientes: da calidade do trigo ou do centeo saben moito os panadeiros que en Ousá producen este pan de sabor e presenza inconfundibles, e do complexo tratamento do fermento, e dos tempos do amasado e repouso… e do formato das pezas…

A Feira do Pan de Ousá e do Queixo de Friol pon cada ano a disposición de veciños e visitantes a posibilidade de degustar, aquí onde se fan, estes dous produtos gastronómicos de excepcional calidade.