Un percorrido por calquera das parroquias do Concello de Friol permite contemplar a espectacular paisaxe con millleiros de exemplares de vacas da máis pura raza rubia galega salpicando o verdor dos seus prados.

A puxanza gandeira deste municipio, no que se dan as mellores condicións naturais para o benestar e o desenvolvemento do gando vacún, ponse de manifesto tanto na calidade recoñecida das súas carnes, como na obtención dun produto de elaboración tradicional, elevado xa hoxe á categoría de emblema gastronómico do concello: o Queixo de Friol.

A tradición que deu lugar á obtención deste queixo, cuxo sabor se caracteriza por non apartarse da pureza mesma do leite, é longa, e está chea de saber.

Cada queixería elabora os seus produtos a partir do leite obtido na súa propia explotación, e é aquí onde a calidade dos pastos de todo o concello garante a altura do produto final. O leite pasa polos tradicionais labores de callado, separación de soros, obtención do granulado da callada e moldeado e secado posterior, comúns á elaboración de todos os queixos, pero especiais en cada unha das queixerías que en Friol, como resultado dos coñecementos herdados dunha longa tradición, conseguiron elaborar estes produtos de calidade recoñecida.

O resultado final é un queixo graxo e suave, de corteza fina e de pasta branca ou levemente amarela no seu interior. Na súa variedade máis fresca é de cor branca, cunha masa pouco compacta e de sabor suave. Despois duns días de curación en locais con temperatura e humidade axustadas, obtense un queixo de textura cremosa, cuxo cor vai cambiando ao amarelo e cuxo sabor se vai enchendo con aportes da maduración, suaves aínda, pero sempre herdeiros directos do sabor orixinal do leite. Finalmente, ao cabo dun período de dous ou tres meses de curación e volteado, obtense un queixo máis firme, de cor amarelada máis uniforme, de sabor intenso e salgado.

A forma que se lle dá ao queixo é cilíndrica, en pezas de diferentes tamaños. Cada unha delas é o resultado que se obtén da aplicación de técnicas de elaboración milenarias baixo o control dos modernos sistemas sanitarios e de calidade. Galicia é terra de choivas abundantes e nutritivos pastos, e por iso terra de queixos que se converteron en produtos gastronómicos de calidade contrastada.

As diferenzas nas técnicas de produción e nas condicións e tempos de maduración dan lugar a diferentes tipos de queixos, entre os que o de Friol ocupa un lugar destacado, tanto polas súas características de sabor, aroma e textura, como polo número de produtores que continúan o desenvolvemento desas técnicas tradionais.

Achegarnos ao aroma e ao sabor deste produto mentres contemplamos a contorna de praderías, castiñeiros e carballeiras, ríos troiteiros de beleza escondida e cumes que lembran antigas lendas, permítenos apreciar a historia das xentes de Friol, o encontro entre as técnicas modernas de produción e comecializadión e unha tradición que aquí se respecta como fundamento dunha economía sustentable, baseada nos ricos elementos que a natureza quixo pór ao alcance das nosas mans.

Todos os anos, en torno ao mes de marzo, milleiros de visitantes son convocados á feira que se organiza co fin de difundir e celebrar, xunto co pan de Ousá, o sabor e as variedades deste queixo. Numerosos produtores vindos da maior parte das parroquias do Concello expoñen ante os visitantes os seus produtos, as distintas variedades do queixo de Friol, dos máis frescos aos máis curados, un espectáculo para a vista e para o padal.