Bo día a todos e todas.

En primeiro lugar quero amosarvos o meu agradecemento a todos os medios aquí presentes e tamén ós que por distintos motivos non puideron estar, pero seguro que axudarán a difundir e publicitar este acto de presentación da Feira.

É unha honra e un auténtico privilexio para min dirixirme un ano máis a todos vós con motivo da nosa prestixiosa Feira do Queixo e Pan de Ousá, dous produtos que levan toda a vida camiñando xuntos e que con tanto orgullo celebramos no noso Municipio de Friol. Hoxe presentamos a  27ª edición da Feira do Queixo e Pan de Ousá de Friol, que se celebrará o vindeiro domingo 24 de Marzo.

Unha data marcada no calendario e que os veciños de Friol agardamos ansiosos durante todo o ano para volver gozar das propostas variadas e de calidade que ofrece esta cita en cada nova edición.

Unha Feira de recoñecido prestixio, que consegue triplicar a nosa poboación durante a súa celebración, actuando como o maior polo de atracción de visitantes co que contamos no noso Municipio e que nos identifica como un lugar de referencia na nosa comunidade.

A feira é o gran escaparate gastronómico e turístico de Friol, sendo ademais un dos nosos principais sinais de identidade como friolenses, que axuda a dinamizar de maneira vital a actividade económica local, especialmente do sector primario. Sendo este o principal motor na actualidade, debemos contribuir a súa potenciación para que sexa o máis competitivo posible.

Dende o Concello somos sabedores dese potencial turístico, de ahí que desde esta administración, entre outras accións, teñamos en marcha a solicitude co proxecto correspondente para que dita Feira sexa declarada Festa de Interese Turístico Galego por parte da Xunta de Galicia, unha resolución que será inminente e que lle dará á nosa Feira mais prestixio e con elo un estatus que de seguro repercutirá no seu propio beneficio.

A nosa Feira é única, de todos e para todos, e por iso ninguén debe perdela. Unha Feira que crece, que se moderniza e se vai adaptando aos novos tempos pero sen perder a súa esencia. Unha Feira que ocupa un lugar moi especial na vida dos nosos veciños e que seguimos mellorando ano tras ano para engrandecer dous dos maiores tesouros cos que contamos, como son os nosos Queixos e o noso Pan.

Friol é unha terra de labregos e gandeiros, unha terra de queixo e pan encadrada no corazón verde de Galicia, e o vindeiro día 24 os corazóns das xentes que se acheguen ao noso municipio sentirán con ledicia o trato dos friolenses e o disfrute dos nosos produtos estrelas.

O Queixo de Friol e o Pan de Ousá, son dous produtos totalmente artesáns, ambos están elaborados coas mellores materias primas do noso Municipio, e contan cun elemento moi importante e fundamental para conseguir a calidade pola que se caracterizan, que é o cariño co que as nosas queixeiras e os nosos panadeiros e panadeiras amosan no momento da súa elaboración.

Previsións de participación

O domingo 24 de marzo, como xa é costume ano tras ano, as calidades destes dous productos van ser excelentes. Así mo fan chegar os productores, e con iso xa podemos asegurar, en parte, que a Feira vai ser de novo un gran éxito.

Según as estimacións coas que contamos, o nivel de participación de queixeiras e panadeiros segue a liña de anos anteriores, incluso superando un pouco as cifras do ano pasado.

En canto ó volume de queixos, contamos con preto de 100 queixeiras que expoñerán unhas 12.000 pezas de queixos ese día nos postos de expositores e de venda.

O número de pezas de pan tamén se mantén; con 5 Panaderías de Ousá presentando os seus produtos, con unha previsión de máis de 3.500 pezas de pan en exposición.

Localización

Na Praza Andón Cebreiro volverá estar instalada unha gran carpa que acollerá a exposición dos produtos principais da feira. Arredor desta instalación o Concello colocará stands onde se poderán mercar diferentes produtos agroalimentarios do Municipio, como poden ser carne, mel e ovos, entre outros.

A carón desta carpa principal tamén estará situado o stand Municipal, onde a partires das 13:00 horas ofreceremos a todos os asistentes totalmente de balde unha degustación de queixo de Friol e pan de Ousá, acompañados dun viño.

Na Praza Rosalía de Castro o Concello tamén instalará stands destinados a exposición de produtos de diferentes sectores, como por exemplo artesanía, textil, distintos tipos de viños, sidras, licores, etc.

As rúas Diputación e Santa Isabel permanecerán pechadas ó tráfico, dado que estarán destinadas á montaxe de pulperías e de tendas ambulantes. Como en anos anteriores, todos estes stands non terán que pagar ningún tipo de tasa Municipal.

Programación

  • Ás 10 da mañá daremos comezo ó día de Feira co tradicional lanzamento de foguetes.
  • Ás 10 e media a organización asignará os stands ás queixeiras e panaderías que participen na Feira.
  • Ás 11 e media está prevista a apertura da Feira co simbólico corte de cinta, que nesta ano correrá a cargo dunha queixeira.
  • Durante toda a mañá haberá actuacións de pasarrúas e charangas polas rúas do Concello. Este ano participarán a “Xesta Verde” de Friol e a “Charanga” de Vilalba.
  • Nesta edición, como fixemos en anos anteriores, continuamos coa programación da tarde. Ás 7 da tarde contaremos cun Concerto Folk, a cargo de A BANDA DA LOBA, que terá lugar no salón de actos do Centro Sociocultural de Friol e se prolongará ata as oito e media da tarde. Precisamente esta actuación servirá dalgún modo para inaugurar as novas instalacións do recentemento rehabilitado Centro Sociocultural.
  • Por último, ás 11 da noite empezará a romaría, que estará amenizada nesta edición pola Orquestra Olympus. Esta será a última actuación prevista da 27º edicción da Feira do Queixo e Pan de Ousá, que rematará sobre ás 2 da madrugada.

Seguridade e tráfico

Para o día da Feira contaremos coma sempre cos membros da brigada de servizos e mantemento do noso Concello, así como tamén coa unidade de Protección Civil. Os membros da brigada do Concello adicaranse á organización dos stands e tamén a subsanar calquera tipo de contratempo que poida xurdir no transcurso da feira. Os membros de Protección Civil serán os encargados de organizar e dirixir o tráfico xunto cos membros da Garda Civil.

Debido á grande afluencia prevista de visitantes e de coches, o domingo día 24 habilitaremos as instalacións do Mercado Municipal e as rúas do Polígono Industrial como aparcadoiro.

Despedida

Para finalizar, estou seguro de que, un ano máis, todos e todas as Friolenses serán perfectos anfitrións da nosa Feira para aquelas persoas que, chegadas desde calquera punto de Galicia ou mesmo de fora da nosa Comunidade, nos visiten durante ese día, facendo gala da hospitalidade que nos caracteriza.

Dende o equipo de Goberno que eu presido quero facer un chamamento a todas aquelas persoas que aínda nunca nos visitaron no día da nosa Feira: Convídovos a que vos acheguedes ese día e coñezades o evento máis importante do noso Municipio, e probablemente de toda a provincia. Asegúrovos que vos merecerá a pena e que non o esqueceredes.

E por suposto quero tamén animar ós visitantes de anos anteriores a que repitan a experiencia vivida nas anteriores edicións, para que o día 24 volvan a acompañarnos de novo.

Friol convertirase de novo o vindeiro día 24 de Marzo na Capital Galega do Queixo e do Pan. Lembrade que aquí en Friol tedes todos unha cita coa tradición e desexo que este día sexa un éxito en todos os aspectos para a nosa Feira, para Friol e, por suposto, para todos os Friolenses.

Moitas grazas.

 

José A. Santos Sánchez

Alcalde de Friol