Bo día.

En primeiro lugar quero agradecer o interese dos medios de comunicación, que seguro axudarán a difundir e publicitar este acto de presentación da Feira.

É un auténtico privilexio para min dirixirme de novo despois de case tres anos a todos vós con motivo da celebración da nosa Feira do Queixo e Pan, dous produtos que con tanto orgullo festexamos no noso querido municipio de Friol. Hoxe presentamos a 28ª edición da Feira do Queixo e Pan de Ousá de Friol, que se celebrará o vindeiro domingo 20 de Marzo.

Quero aproveitar este acto para convidarvos a asistir un ano máis a esta Feira de recoñecido prestixio, que representa sen dúbida o maior polo de atracción de visitantes co que contamos no noso Municipio e que nos identifica como un lugar de referencia en toda a comunidade de Galicia.

Desde o Concello temos preparado un ambicioso programa de actividades para celebrar esta Feira Tradicional, e que nesta ocasión adiantaremos ás 9:30 horas a apertura da Feira, así podendo disponer de máis tempo para organizar e velar polo cumprimento dos protocolos.

Confío que entre todos conseguiremos que a nosa Feira rexurda de novo para que continúe sendo o maior escaparate turístico e gastronómico de Friol; que axuda a dinamizar de maneira vital a actividade económica local do Concello, especialmente o sector primario; e que se mantén como un dos nosos principais sinais de identidade como Friolenses.

Este ano reordenaremos a ubicación dos espacios interiores para cumprir coas distancias de seguridade e as normas establecidas polas autoridades sanitarias. Reforzaremos os protocolos de sanidade, seguridade, limpeza e desinfección, sempre velando pola seguridade dos nosos expositores e visitantes.

O Queixo de Friol e o Pan de Ousá son dous produtos totalmente artesáns. Ambos están elaborados coas mellores materias primas do noso Municipio, e contan cun elemento fundamental para conseguir a calidade pola que se caracterizan, que é o cariño que as nosas queixeiras e os nosos panadeiros e panadeiras amosan no momento da súa elaboración.

Previsións de participación

Pola información que nos fan chegar os produtores, poido asegurar xa que a Feira deste ano será de novo un grande éxito.

Volvemos con máis forza se cabe, e contamos no só con que o nivel de participación de queixeiras e panadeiros se manteña na liña de anos anteriores, senón que incluso poidamos superar un pouco as cifras da última edición.

En canto ó volume de queixos, contamos con preto de 90 queixeiras que expoñerán unhas 14.000 pezas de queixos ese día nos postos de venda.

O número de pezas de pan tamén se mantén, con 5 Panaderías de Ousá presentando os seus produtos e unha previsión de máis de 4.000 pezas de pan expostas.

Localización

O eixo principal da Feira volverá situarse nunha grande carpa ubicada na Praza Andón Cebreiro para a exposición dos produtos. Xunto a ela se situará o stand Municipal, onde a partires da 1 da tarde ofreceremos un viño e unha degustación gratuíta de queixo de Friol e pan de Ousá.

Arredor da carpa instalaremos outros postos de venda dos diferentes produtos agroalimentarios do Municipio, nesta edicción ubicados en stands independientes e sen contacto entre expositores. E na Praza Rosalía de Castro estarán expostos produtos de diferentes sectores, como por exemplo artesanía, textil, distintos tipos de viños, sidras ou licores.

As rúas Diputación e Santa Isabel permanecerán pechadas ó tráfico, dado que estarán destinadas á montaxe de pulperías e de tendas ambulantes. Como en anos anteriores, todos estes stands non terán que pagar ningún tipo de taxa Municipal.

Programación

  • Ás 9:30 da mañá daremos comezo ó día de Feira co tradicional lanzamento de foguetes.

  • Ás 10 horas a organización asignará os stands ás queixeiras e panaderías que participen na Feira.

  • Ás 11 da mañá está prevista a apertura da Feira co simbólico corte de cinta, que nesta ano correrá a cargo dun/a panadeiro/a.

  • Durante toda a mañá haberá actuacións de pasarrúas e charangas polas rúas do Concello. Este ano participarán a “Xesta Verde” de Friol e Cantos de Taberna “Son Outeiro” de Outeiro de Rei.

  • Ás 7 da tarde celébrase un Concerto Folk no salón de actos do Centro Sociocultural de Friol, que este ano corre a cargo de AIRIÑOS DA FREBA e que se prolongará ata as oito e media da tarde.

  • Por último, ás 10 e media da noite dará comezo a romaría, que nesta edición amenizará a Orquestra Los Satélites. Con esta actuación, que rematará sobre ás 2 da madrugada, daremos por finalizada a 28ª edición da Feira do Queixo e Pan de Ousá.

Seguridade e tráfico

Para o día da Feira contaremos coma sempre cos membros da brigada de servizos e mantemento do noso Concello, que se adicarán á organización dos stands e tamén a subsanar calquera tipo de contratempo que poida xurdir no transcurso da feira.

Debido á grande afluencia prevista de visitantes e de coches, o domingo día 20 habilitaremos as instalacións do Mercado Municipal e as rúas do Polígono Industrial como aparcadoiro. A unidade de Protección Civil, xunto cos membros da Garda Civil, encargaranse de organizar e dirixir o tráfico.

Despedida

Ademáis de disfrutar do queixo e do pan, un ano máis todos e todas as Friolenses nos convertiremos nos auténticos anfitrións da nosa Feira, facendo gala da hospitalidade que nos caracteriza. Estou seguro de que tódalas persoas que nos visiten ese día, chegadas desde calquera punto de Galicia ou mesmo de fora da nosa Comunidade, se sentirán como na súa casa.

Xa para finalizar, fago un chamamento aos visitantes de anos anteriores, para que repitades a experiencia e volvades a Friol; lembrade que aquí tedes unha cita coa nosa tradición. E diríxome tamén a todas aquelas persoas que aínda non visitaron esta Feira: convídovos a que vos acheguedes ese día e coñezades o evento máis importante do noso Municipio, e probablemente de toda a provincia. Asegúrovos que vos merecerá a pena e que non o esqueceredes.

O vindeiro 20 de Marzo Friol convertirase un ano máis na Capital Galega do Queixo e do Pan. Estou convencido de que ese día será o primeiro dunha nova era na historia da Feira, chea de grandes éxitos para Friol e, por suposto, para todos os Friolenses.

Moitas grazas.

José A. Santos Sánchez
Alcalde de Friol