Queridos veciños e veciñas,

é un auténtico privilexio para min dirixirme un ano máis a todos/as vós con motivo da celebración da prestixiosa Feira do Queixo de Friol e Pan de Ousá, que con tanto orgullo celebramos na capitalidade do noso querido municipio friolense.

Aló polo ano 1993 o meu predecesor no cargo, Antonio Muíña, iniciaba esta andadura; e desde as derradeiras eleccións municipais son eu quen teño a responsabilidade de continuar con este importante evento, tratando de melloralo e adaptalo aos novos tempos sen que perda a súa esencia de tradición e calidade.

Tódolos meses de marzo os veciños/as de Friol temos un día especial  que esperamos con certa ansia sobre todo nun ano tan importante como este, pois celebramos o 25 aniversario, polo que lle adicaremos, por primeira vez na súa historia, dous días de festa, que serán moi intensos para que tódalas xentes que se acheguen ao noso municipio sintan con ledicia o trato dos friolenses e disfruten dos nosos produtos: o queixo e o pan.

A nosa feira é un gran escaparate gastronómico e tamén turístico, unha das principais sinais de identidade como friolenses e que axuda a dinamizar de maneira decisiva a actividade económica local, especialmente do sector primario.

Desde o Concello temos preparado un ambicioso programa de actividades pensando tanto na xente moza como nos que xa tedes netos/as; para disfrutar todos desta Feira que brilla con luz propia.

Quero rematar convidándovos a todos/as a asistir a este 25 aniversario da Feira do Queixo de Friol e Pan de Ousá.  Entre todos faremos que ninguén se sinta forasteiro na nosa terra. E prometo seguir traballando ano tras ano para tratar de mellorala.

Recibide un afectuoso saúdo e os meus mellores desexos para esta 25 edición.

 

José Angel Santos Sánchez
Alcalde de Friol