Queridos veciños e veciñas,

O vindeiro domingo 22 de marzo celebramos unha nova edición da Feira do Queixo de Friol e Pan de Ousá, esa cita tan especial que nos distingue como lugar de referencia gastronómica en toda Galicia e que este ano chega xa á súa 32ª edición.

Un ano máis é un auténtico privilexio para min convidarvos a asistir e participar desta festa tradicional, que representa o maior escaparate turístico do noso concello; que contribúe de maneira decisiva á dinamización da nosa economía local; e que, sen dúbida, continúa a ser un dos principais sinais de identidade como friolenses.

Esta feira é tamén unha homenaxe ao traballo, ao esforzo e ao saber facer das nosas queixeiras e panadeiros, verdadeiros embaixadores da calidade dos nosos produtos. O queixo e o pan, que levan toda unha vida camiñando xuntos en Friol, simbolizan a tradición, a autenticidade e o orgullo polo noso.

Desde o Concello temos preparado un amplo programa de actividades para que tanto veciños como visitantes poidamos gozar dunha xornada chea de sabor, música e convivencia.

Recibide un afectuoso saúdo e os meus mellores desexos para esta 32ª edición da nosa feira.

José A. Santos Sánchez

Alcalde de Friol